O xornal A Peneira despide aos seus traballadores sen pagarlles os seis meses de salario que lles adebeda
Os empregados denuncian que o propietario alega problemas económicos ao tempo que está a contratar máis persoal
O xornal A Peneira vén de comunicar aos seus tres traballadores/as a rescisión dos contratos despois de seis meses sen cobrar os seus salarios nin as indemnizacións que estipula a lei. Os empregados/as, que xa presentaron as correspondentes demandas diante da autoridade laboral porque rexeitan a obxectividade do despedimento, denuncian que o propietario alega problemas económicos ao tempo que está a contratar a máis persoal para as oficinas do periódico.
Ademais dos seis meses de salario, A Peneira tamén adebeda sete meses de retribucións a dous dos seus colaboradores externos. Os traballadores denuncian que o empresario, Guillermo Rodríguez Fernández, xa lles comunicou que non vai poder facer fronte aos pagos e que deberían agardar a cobrar do Fogasa.
Indican que a empresa continúa coa súa actividade e vén de sacar á rúa un novo número con outros traballadores/as distintos, o que motivou as críticas dos ex empregados/as, que cualifican o trato recibido dende a dirección como “lamentábel e humillante”. Neste senso, sosteñen que a compañía ten necesidade de sacar todos os números pendentes até final de ano “para poder cobrar as subvencións”.
Lembran que o traballo desenvolvido durante máis dun lustro “supuxo unha notábel melloría na calidade dos produtos”. Finalmente, censuran a actitude do propietario, a quen lle propuxeron incluso tomar as rendas da empresa, “ao que se negou argumentando que teriamos que pagarlle unha gran cantidade de cartos”.
|
|