Centos de veciñas/os de Vigo, convocados pola FAVEC, concéntranse contra a suba da luz.
A concentración tivo lugar fronte as dependencias de Gas Natural – Unión Fenosa na cidade de Vigo, entre as 12 e as 12:40h da mañá de hoxe.
Na mañá de hoxe tivo lugar a concentración convocada pola Federación Veciñal de Vigo contra o incremento do prezo da electricidade. Varios centos de persoas secundaron o chamado da FAVEC baixo o lema “Non á suba da luz. Por un sistema tarifario socialmente xusto.
Por espazo de aproximadamente corenta minutos, a partires das 12h, lanzaron consignas reclamando ao goberno central que paralice a suba de arredor dun 10% prevista para este mes de marzo. “Non, non, non á suba da luz!”, “Nós a pagar, as empresas a especular” ou “Máis salarios, menos tarifazos!” foron algunhas das consignas máis coreadas.
Desde a FAVEC valoraron positivamente o resultado desta convocatoria que na súa opinión evidencia “o crecente malestar e rexeitamento social contra destas medidas”, e agradeceron a participación na concentración.
A respecto de futuras accións desde a federación indicaron que esta convocatoria foi unha acción máis no marco dunha campaña que se prolongará nas vindeiras semanas.
APOIO DA CIG E DE CCOO
Na concentración de hoxe estiveron presentes os secretarios comarcais da CIG e de CCOO de Vigo, Serafín Otero e Xosé Cameselle respectivamente, amosando o apoio de ambas centrais sindicais á Federación Veciñal nesta campaña a prol dun sistema tarifario xusto da electricidade.
INTERVENCIÓN NO PLENO
A Presidenta da FAVEC, María Pérez, intervirá no vindeiro pleno do Concello de Vigo que se celebrará o luns 28, exercendo de portavoz do movemento veciñal de Vigo, para pedir a todos os grupos municipais que tomen unha posición clara a respecto deste asunto. “O luns procuraremos a implicación efectiva de todos os grupos, para que o Concello inste ao Goberno Central a que desista da súa intención de encarecer novamente o recibo da luz”, afirman.
|