Aprobada a nova Lei de acción voluntaria que recolle, entre outras novidades, a certificación oficial deste tipo de actividades
O Parlamento galego deu hoxe luz verde por unanimidade á nova Lei que remata, deste xeito, o seu trámite parlamentario
O texto normativo modifica o actual, que databa do ano 2000, e introduce melloras para adaptar a normativa ás novas liñas de voluntariado da Unión Europea, do mesmo xeito que outorga ás entidades de voluntariado un maior protagonismo
Entre as principais novidades que recolle a Lei está o recoñecemento, mediante unha certificación oficial, das actividades que realizan os voluntarios e voluntarias
A normativa tamén inclúe a creación do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e a utilización do Observatorio Galego de Acción Voluntaria como ferramenta para promover a obtención de datos estatísticos
Santiago, 23 de novembro de 2011.- A nova Lei de acción voluntaria rematou hoxe a súa tramitación parlamentaria coa aprobación, por unanimidade no Parlamento galego, da normativa que substitúe o texto actual, que databa do ano 2000, e introduce melloras para adaptar a Lei ás liñas de voluntariado da Unión Europea.
O obxectivo principal desta modificación é facer a Lei máis eficiente, ao mesmo tempo que se adapta ás novas liñas de voluntariado da Unión Europea. Por iso, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado iniciou a elaboración do anteproxecto cando a UE emitiu o informe sobre as novas pautas a seguir no tocante ao ámbito do voluntariado.
Ademais destas pautas, a Lei introduce novidades salientables como a posibilidade de que os voluntarios poidan obter unha certificación oficial da súa participación neste tipo de actividades altruístas. Isto permitirá aos voluntarios e voluntarias galegos acreditar un historial persoal que recoñeza a experiencia adquirida durante todo o proceso de voluntariado.
As certificacións serán remitidas ao rexistro de entidades de acción voluntaria, que non se limitará a ser un rexistro de asociacións, senón que –na nova normativa- establécese tamén unha sección encargada do depósito da documentación remitida en relación con estas certificacións.
Deste xeito, a inscrición no Rexistro será requisito indispensable para que as asociacións poidan recibir axudas das administracións públicas de Galicia e poidan subscribir convenios. Para a correcta inscrición no rexistro, que deberá ser instada por parte da entidade, terán que presentar a correspondente solicitude e a documentación establecida. Cómpre salientar que o rexistro funcionará de xeito coordinado co Rexistro de Entidades de Voluntariado de Protección Civil e Emerxencias.
Tamén se lle outorga unha especial mención ao Consello Galego de Acción Voluntaria e crease o Observatorio galego de acción voluntaria, que promoverá a obtención de datos estatísticos demandados polas institucións da UE. O Consello Galego de Acción Voluntaria configurarase como o “máximo órgano de participación, coordinación, asesoramento e consulta en materia de acción voluntaria”. Nel estarán representados -ademais da propia Consellería- outros departamentos autonómicos, a FEGAMP, organizacións da Xuventude, as organización empresariais e sindicatos, as universidades galegas e representantes das entidades de acción voluntaria.
Pola súa banda, o Observatorio Galego de Acción Voluntaria terá como obxectivo o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á investigación, á formación, así como á creación e ao establecemento de sistemas de información e documentación. Da súa actividade dará conta ao Consello Galego de Acción Voluntaria o cal aprobará a súa planificación anual.
O Observatorio tamén dará asesoría técnica ás corporacións locais na realización de plans sectoriais de acción voluntaria e poderá colaborar coas universidades en proxectos de I+D+I e con figuras análogas doutras administracións públicas. Esta ferramenta estará constituída por representantes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, un representante do Instituto Galego de Estatística, un representante de cada unha das tres universidades galegas e dous representantes das entidades de acción voluntaria designados polo Consello Galego de Acción Voluntaria.
En relación cos instrumentos de planificación, o texto establece que a planificación estratéxica de Galicia canalizarase a través do Plan galego de acción voluntaria 2011-2015, que será a ferramenta administrativa que determinará os criterios de planificación e coordinación das actuacións en materia de acción voluntaria.
Outros instrumentos de planificación serán os plans sectoriais elaborados pola Comunidade autónoma ou as entidades locais e os plans e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria.
Na actualidade, estímase que o 17 por cento da poboación de Galicia participou ao longo da súa vida nalgunha acción voluntaria. No Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Xunta existen a data de hoxe preto de 800 asociacións inscritas, que suman case 40.000 voluntarios activos.
|