A fin da temporada estival racha co descenso do desemprego que se viña rexistrando nos últimos catro meses
Comisións Obreiras sinala que os datos do paro revelan que a reforma laboral imposta polo Goberno español non está a cumprir cos obxectivos fixados
02-09-2010.- No mes de agosto, o paro medrou en Galicia nun 0,83% (0,73 puntos menos que a media do estado, que se sitúa no 1,56%). Este incremento deixa a Galicia como a cuarta comunidade na que menos aumentou o desemprego (en España medra en todas as comunidades menos en Canarias, Navarra e A Rioxa, así como nas dúas cidades autónomas). Trátase de 1.743 persoas paradas máis, o que volve a situar o número desempregados por encima dos 210.000, exactamente, 211.532.
Desde a Secretaría de Emprego de CC OO critican que no segundo mes consecutivo desde a aprobación do texto da reforma laboral, «obsérvase que esta non cumpre ningún dos obxectivos esgrimidos polo Goberno para establecer unha reforma tan lesiva para os traballadores e as traballadoras», polo que «gaña máis motivos a convocatoria de folga xeral do 29 de setembro».
Para o sindicato, ponse de manifesto que a reforma laboral «só vai servir para reducir dereitos». Comisións defende que só se creará emprego a través do crecemento económico, e este chegará, entre outras medidas, «cando a banca restableza o crédito ás familias e ás empresas, se faga unha política fiscal progresiva e se loite contra a fraude fiscal e a economía somerxida».
Segundo os últimos datos, no mes de agosto Galicia conta con 115.163 mulleres desempregadas (54,44% do total) e 96.369 homes en idéntica situación, mentres que as traballadoras e traballadores menores de 25 anos representan o 9,38% do desemprego total (19.833 mozos e mozas).
O crecemento do desemprego é menor nos homes (416, un 0,43%) que nas mulleres (1.327, o 1,17%). No colectivo de menores de 25 anos descende un 1,18%, aínda que a análise por sexos revélanos que só descende nos mozos (un 2,80%, 314 menos) e medra entre as mozas (un 0,87%, 77 máis). No resto de idades, o desemprego sobe en case dúas mil persoas, un 1,04%.
Análise por sectores e interanual
O paro medrou este mes en todos os sectores menos na agricultura e pesca (141 persoas menos, un 2,61%). O máis importante dos incrementos atopámolo nos servizos, un 1,25% (1.413 persoas). A industria ten 238 persoas paradas máis (0,74%) e no colectivo sen emprego anterior obsérvase un incremento do paro do 0,58%. Finalmente, a construción foi o sector no que menos creceu o desemprego, con 83 parados e paradas máis (0,25%).
En termos interanuais, o paro incrementouse en Galicia en 16.291 persoas, un 8,34% máis ca no mesmo mes do ano anterior. A porcentaxe, con todo, é inferior á media estatal (9,38%), ao se situar a comunidade autónoma galega como a quinta onde menos postos de traballo se perderon.
No último ano compróbase unha suba do desemprego en todos os tramos de idade e en ambos os sexos, destacando a suba entre os homes maiores de 25 anos (sobe un 12,90%, 9.967 persoas), que representan case seis de cada dez parados deste período. CC OO destaca que neste período a maior suba do paro en termos relativos foi a do colectivo sen emprego anterior (28,60%), mentres que en termos absolutos deuse no sector dos servizos (6.363 persoas).
Análise da contratación
No mes de agosto asináronse en Galicia 59.194 contratos, dos cales 3.766 foron indefinidos (o 6,36%) e 55.428 temporais (o 93,64%). As mulleres asinaron o 46,08% dos contratos e os mozos e mozas o 21,52%. En comparanza co mes anterior, asináronse 18.698 contratos menos, un 24,01%. No estado, a contratación caeu un 27,70% (3,69 puntos máis que en Galicia).
Pola súa parte, a contratación indefinida baixou o 27,02% (1.394 contratos menos), e a temporal un 23,79% (17.304 menos).
En termos interanuais, formalizáronse 4.566 contratos máis, o que equivale a unha medra do 8,36% (no conxunto do estado só aumenta o 6,92%). Mentres, a contratación indefinida descendeu un 8,75%, ao tempo que os contratos temporais se incrementaron un 9,76%.
Afiliación á Seguridade Social
A afiliación media á Seguridade Social subiu en Galicia no mes de agosto en 431 persoas, ata situar o total de cotizantes en 1.029.213persoas, o que supón un aumento da afiliación do 0,04% (no conxunto do estado cae un 0,74%). En termos interanuais rexistráronse 17.778 persoas afiliadas menos (o 1,70%), algo máis elevada que a caída estatal, que foi do 1,58%.
|
|