Corina Porro aposta na súa
primeira visita a un concello como Delegada da Xunta por un municipio con outra
muller como alcaldesa.
- Porro reuniuse con Nidia Arévalo e co seu
equipo de goberno para facer un repaso dos grandes proxectos para Mos que
dependen da Xunta de Galicia.
-
A Delegada Territorial destacou a importancia
da colaboración institucional entre administracións e asegurou que se trata dun
concepto cuxa necesidade Arévalo comprende moi ben.
A nova Delegada Territorial da
Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, iniciou hoxe en Mos a súa rolda de
visitas aos concellos dependentes da súa delegación, apostando por un municipio
gobernado por outra muller, Nidia Arévalo.
Porro reuniuse coa rexedora local
mosense e membros do equipo de goberno local no salón de sesións, onde asinou o
Libro de Ouro do Concello.
Durante a xuntanza as representantes autonómica e
local fixeron repaso dos grandes proxectos para Mos que dependen da Xunta de
Galicia, entre os que se atoparon a acometida do saneamento necesario para
acadar o saneamento integral do municipio e que se divide en dous proxectos, a
humanización da rúa Segundo Pampillón na parroquia de Sanguiñeda, o proxecto de
conxunto escultórico no Camiño de Santiago (previsto para A Rúa, na parroquia
de Mos) e un posible Plan HURBE para desenvolver a humanización de
Torroso-pasarela cun Plan Integral que abarque todo o contorno do Centro
Dotacional de Torroso, comunicándoo coa Igrexa de San Mamede e o antigo centro.
Ademais a alcaldesa, Nidia Arévalo, trasladoulle a
Corina Porro outras “necesidades de importancia capital para Mos como son o
proxecto de Residencia de Maiores no Rebullón que centrou a miña campaña
electoral, a intermediación con Fomento para acometer un acceso directo ao
Polígono da Veigadaña dende a A-55 por Amieirolongo, seguir a potenciar o
Camiño de Santiago ao seu paso por Mos, a acometida de diversas humanizacións
coas que mellorar diferentes contornas do municipio e, por suposto, seguir
traballando polo fomento do emprego para poder continuar a reducir cada ano a
taxa do paro en Mos”.
Pola súa banda, a Delegada da Xunta destacou “a
importancia da colaboración institucional entre administracións, porque é o
único e o mellor xeito de traballar polo progreso e polo ben común dos cidadáns.
Algo que Nidia Arévalo entende moi ben e o leva tamén á práctica para que Mos
pioda avanzar”. E comprometeuse “a que sexan estudados en profundidade todos e
cada un dos temas que hoxe me plantexou a alcaldesa con especial insistencia nalgúns
asuntos a resaltar como son as melloras en diferentes zonas do Camiño de
Santiago ao seu paso polo concello de Mos, a atención ás persoas maiores -que
requiren de fórmulas intelixentes para dar solucións en prazos breves de tempo-,
e a solución á A-55, que é un tema clave para o crecemento e o desenvolvemento
de Mos ao que hai que dar resposta xa”. Sobre todo elo Porro asegurou que “imos
avanzar e imos avanzar rápido”.