A documentación atopábase no Arquivo Provincial de Pontevedra dende 1943
Contén 145 libros, o máis antigo de 1597, e aporta información sobre a vida política, social, militar e relixiosa deste municipio ata 1711
O xefe territorial deste departamento aproveitou a visita para comprobar as últimas melloras realizadas no CEIP Número 2 da localidade
O xefe territorial de Cultura e Educación en
Pontevedra, César Pérez Ares, comprobou esta mañá o estado do fondo documental
do concello de Tui que acaba de ser trasladado pola Consellería dende o Arquivo
provincial ao Arquivo Municipal do municipio tudense.
Nesta visita estivo acompañado
polo alcalde de Tui, Moisés
Rodríguez, e polo coordinador da área de Cultura, José Manuel González.
O fondo documental do
concello de Tui, a raíz da creación legal dos arquivos históricos provinciais,
e tal e como fixeron outros municipios, foi depositado en 1943 no Arquivo
Provincial en Pontevedra, “xa que naquel momento o concello carecía de
instalacións axeitadas e non se podía garantir unha adecuada custodia”,
explicou Pérez Ares.
Está formado por 145 libros
en soporte papel, cunhas datas comprendidas entre 1597 e 1834. “Todos os
documentos se atopan escritos en castelán e están encadernados en pergameo”,
segundo apuntou o coordinador da área de Cultura da Delegación Territorial da
Xunta en Pontevedra, José Manuel González, quen destacou que “o seu estado de
conservación, en xeral, e a pesar de algúns problemas de manchas de humidade, é
bo, aínda que algúns libros presentan certa fraxilidade”.
A maior parte da
documentación componse de dúas series fundamentais, unha sobre a cidade de Tui
na Idade Moderna (de entre 1597 e 1775 e que recollen os acordos municipais) e
a historia xeral de Galicia tamén na Idade Moderna, “con auténticas copias das
Juntas del Reino de Galicia entre 1608 e 1834, nas que se salientan as actas
das Cortes do Reino de dito período”, explicou pola súa banda Moisés Rodríguez,
destacando así a importancia dos documentos que agora volve a acoller a
localidade do Miño. “Contamos tamén con exemplares dos libros de Legos do
Catastro do Marqués da Ensenada da Cidade de Tui e da freguesía de San Xurxo de
Saiáns, Cartas Ordes sobre o imposto de Millóns, sobre a Formación do Rexemento
de Milicia e instrucións sobre donativos de terra de labranza”.
O concello de Tui
solicitou en 2005 a
devolución desta documentación histórica. “Enviamos a unha técnica a Pontevedra
para ver as condicións necesarias para a súa conservación nas nosas
instalacións municipais”, engadiu Rodríguez. “Nos esixían que rematáramos o
reorganización do arquivo administrativo xa existente, de cara a definir e
acondicionar o espazo no que se ía a instalar esta documentación. Agora ese
paso xa está dado e contamos co persoal técnico adecuado, o que garante a
correcta conservación desta documentación e a súa posta ao servizo dos
investigadores”.
Mentes, segundo apunto o
xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, “ante a solicitude
de devolución da documentación por parte do concello, no Arquivo Provincial
realizouse unha labor de descrición do fondo e dixitalización do mesmo que
conta na actualidade con 48 DVD, o que se traduce en 62.400 imaxs
dixitalizadas”.
O libro máis antigo que
forma parte desta documentación é de 1598 e o máis recente de 1711. “Os libros
están manuscritos”, apuntou Pérez Ares, “aínda que algúns documentos presentan
letra impresa. Neles podemos coñecer as funcións do concello durante eses
séculos; as actividades culturais e lúdicas; as interaccións entre o deán e o
cabido de Tui co concello ou, por exemplo, a correspondencia de Tui coas outras
seis capitais da provincia”.
Tamén se contemplan
cuestións como a correspondencia co gobernador capitán xeral do Reino de
Galicia, a constante fricción con Portugal como cidade fronteiriza, e temas
militares e de tipo fiscal.
CEIP
Número 2
O xefe territorial de
Cultura e Educación en Pontevedra quixo aproveitar a visita para percorrer o
colexio número 2 de Tui co obxectivo de comprobar as últimas melloras
realizadas neste centro.
Deste xeito, Pérez Ares,
acompañado polo alcalde, visitou os baños e vestiarios do centro. “Destinamos
en total a este centro máis de 32.000 euros nestas obras así como na reposición
e subministro da instalación de electricidade”, destacou o xefe territorial,
quen recordou que en total, a Consellería de Cultura e Educación destinou máis
de 670.000 euros para diferentes obras e melloras en centros de Educación
Primaria e Secundaria de Tui.
César Pérez Ares destacou especialmente a aposta do
CEIP número 2 de Tui coas novas tecnoloxías e neste senso fixo referencia á
instalación do proxecto ABALAR “que está a ser xa unha realidade no presente
curso”.
|
|
