Aberta a inscrición para o curso intensivo de Monitor de Tempo Libre que se celebrará en Ponteareas
O concelleiro de Xuventude, Andrés Sampedro Fernández, vén de poñer en coñecemento de todos os veciños e veciñas ata o día 30 de xuño estará aberto de inscrición para participar no Curso de Monitor de Tempo Libre en Ponteareas que se celebrará no vindeiro mes de xullo na sala de usos Múltiples da Biblioteca ponteareá.
O curso, que expedirá a titulación oficial da Xunta de Galicia, constará dun total de 350 horas lectivas, das que 200 horas serán teóricas e as 150 restantes, prácticas. As clases desenvolveranse entre os días 2 e 30 de xullo, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde.
Para unha maior operatividade do curso, o número de alumnos e alumnas participantes oscilará entre un mínimo de 18 e un máximo de 25.
Tal e como explicaba o concelleiro de Xuventude, Andrés Sampedro Fernández, o curso ten como obxectivo “formar a persoas para que poidan desenvolver as actividades de monitores de tempo libre e capaces de desenvolver actividades socioculturais e recreativas para o tempo de lecer”.
O curso terá unha metodoloxía activa e globalizadora capaz de estimular a capacidade creadora e a espontaneidade, amais de ensinar a buscar e obter todos os recursos necesarios para levar a cabo cada actividade.
Para máis información sobre o prezo do curso e o programa a desenvolver, os interesados e interesadas poden dirixirse á Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, na rúa Perillana. Tamén poden facelo no teléfono 986 66 07 65 ou no enderezo de correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es
|