O SXG mostra o seu total apoio aos
traballadores do grupo La Capital ante a ampliación do ERTE que están a sufrir
05 de xullo de
2014.- Despois de asinar un ERTE en xullo de 2013, empresa e traballadores do
grupo La Capital veñen de asinar unha prolongación ata xuño de 2015 que
afectará aos cinco xornais da cabeceira (Ideal gallego, Diario de Ferrol,
Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa). O Sindicato de
Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu total apoio
ao plantel de traballadores afectados, que verán mermada un ano máis a calidade
do seu emprego cando estaba a piques de rematar o anterior ERTE
plantexado pola empresa e que están a ser os que co seu sacrificio a manteñen.
Este acordo foi apoiado
pola maioría dos traballadores a cambio do compromiso da empresa de manter os
postos de traballo e unha lixeira variación nas condicións do ERTE anterior.
Nesta ocasión en lugar de 10 días de suspensión de emprego seránnove
días de suspensión ao mes máis dous días de libranza dos que se fará cargo a
empresa e unha reducción de salario similar á do anterior ERTE.
Os traballadores que superen os 180 días de paro
consumidos serán compensados economicamente pola empresa para salvar ese
descenso salarial do 70% ao 50% e aplicarase un complemento salarial para
aqueles empregados aos que se lles esgote o paro. Nesta
situación a empresa mantén á plantilla nunha situación de precariedade e
incertidume que reduce significativamente a súa calidade de vida.
Precariedade
laboral
Segundo recolle Galicia
Confidencial, algúns traballadores queixanse de presións por parte da empresa
para aceptar un acordo que os deixa nunha situación laboral precaria, sen os
descansos marcados por lei, con xornadas maratonianas para tentar sacar
adiantes unhas cabeceiras nas que houbo redución de persoal pero non de
paxinación e cunha importante inseguridade económica, xa que a
empresa aínde ten pendente de pago a paga extra de xuño de e media de decembro
de 2013, así como a nómina do pasado mes de xuño.
Ante estas acusacións o SXG esixelle á empresa que se poña
ao día cos pagos pendentes e lémbralle que non pode reducir as condicións
laborais de descansos por baixo do que marca o Convenio de Prensa Diaria
en vigor. O Sindicato de Xornalistas de Galicia tamén interpela á empresa sobre o seu
proxecto de futuro, co que debería sentar as bases para saír canto antes do
bucle de precariedade e incertidume no que ten sumido ao seu plantel.
Nun caso reiterado de expedientes de regulación de emprego, como no do Grupo La
Capital, a empresa debería ter en conta ademais que os recortes non deben comezar pola
base, senón polos cargos directivos, polos gastos de representación e por todo
tipo de gastos superfluos, e que debe ter como folla de ruta un plan de viabilidade
que mellore a situación financeira da empresa pero tamén a dignidade de emprego
do seu plantel, que son os que máis se estiveron a sacrificar
por manter á empresa e por cumprir cos seus lectores mantendo o nivel de
calidade da información. Calquera recurte de salarios e días de traballo debe
aplicarse de xeito escalonado afectando menos a aqueles que teñen menos salario
co que vivir e máis a aqueles cuxos ingresos están nos tramos superiores con
todas as súas necesidades básicas ben cubertas.
|