Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectaculos publicos e actividades recreativas.
A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfírelle a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública, de acordo co artigo 149 da Constitución española.
O Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, recolle o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.
Polo Decreto 336/1996, do 13 de setembro, a comunidade autónoma asume as funcións e servizos transferidos en materia de espectáculos públicos, e procede a asignarlle as ditas funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que actualmente son desempeñadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co previsto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
Actualmente en Galicia, en materia de persoal controlador de acceso, continúa vixente o Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas que, no seu artigo 60, fai só unha referencia xenérica á posibilidade de que os porteiros impidan a entrada ou permanencia dos menores de dezaseis anos en determinados establecementos ou espectáculos públicos.
A actividade de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas debe exercerse en condicións de máximo respecto e garantía para as persoas clientes, de tal xeito que en todo momento queden salvagardados os seus dereitos como usuarios/as e garantido o libre acceso en condicións de igualdade e non discriminación. Para alcanzar esta finalidade é requisito básico que o persoal encargado desta función conte coa capacitación, formación e habilitación precisas para desenvolver as súas tarefas no respecto aos dereitos e garantías expostos.
En consecuencia, cómpre superar a inseguridade xurídica que xera o baleiro normativo actual e, ademais diso, faise necesario regular a actividade de control de acceso por dúas razóns inaprazables: a primeira, para dar resposta á lexítima reivindicación que manteñen as persoas representantes dos sectores implicados sobre a urxente ordenación dos requisitos de capacitación e funcións do persoal encargado destas tarefas para alcanzar a súa profesionalización; e, a segunda e principal, porque esta regulación é demandada pola cidadanía usuaria como garantía dunha adecuada prestación de servizos de calidade.
Xa que logo, o decreto establece o seu obxecto e concreta os espectáculos, actividades recreativas e establecementos incluídos no seu ámbito de aplicación.
Así mesmo, regúlanse as funcións e os requisitos do persoal de control de acceso, que se encontra baixo a dependencia da persoa titular ou organizadora daquelas actividades, facendo especial fincapé na necesidade de que dispoña dunha habilitación, que outorgará a dirección xeral con competencia na materia tras a superación das probas correspondentes na Academia Galega de Seguridade Pública, coa finalidade de garantir o axeitado desempeño da actividade de control de acceso.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil dez,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Este decreto ten por obxecto regular a actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e actividades recreativas que dispoñan do dito servizo.
2. Así mesmo, regúlanse os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas.
Artigo 2º.-Concepto.
Enténdese por persoal de control de acceso aquel que exerce as funcións de admisión e control de acceso do público ao interior de establecementos públicos, espectáculos públicos ou actividades recreativas que dispoñan do dito servizo e que se encontra baixo a dependencia da persoa titular ou organizadora destas actividades.
Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.
1. Este decreto será de aplicación ao persoal de control de acceso que exerza esta actividade naqueles establecementos, espectáculos e actividades públicos que dispoñan do dito servizo e estean incluídos no Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 292/2004, do 18 de novembro.
2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto aqueles establecementos públicos que se rexan pola súa normativa específica de admisión e control de acceso.
Artigo 4º.-Funcións.
1. As funcións do persoal de control de acceso son as seguintes:
a) Controlar a entrada das persoas ao establecemento público, espectáculo público ou actividade recreativa, co fin de que se realice de xeito ordenado e pacífico e non perturbe o desenvolvemento do espectáculo ou a actividade recreativa que se celebre.
b) Comprobar a idade das persoas que pretendan acceder ao local cando sexa procedente, mediante a exhibición do DNI ou de calquera outro documento acreditativo.
c) Controlar a adquisición da entrada ou localidade por parte das persoas asistentes ao establecemento.
d) Controlar en todo momento que non se exceda a capacidade autorizada.
e) Impedir o acceso das persoas que incumpran as condicións específicas de admisión fixadas polas persoas titulares ou responsables dos establecementos públicos, espectáculos públicos ou actividades recreativas.
f) Vixiar que as bebidas expedidas no interior do local se consuman dentro del e non sexan, en ningún suposto, sacadas ao exterior.
g) Prohibir o acceso do público a partir do horario de peche do local.
h) Informar inmediatamente o persoal de vixilancia, se o tivese ou, no seu defecto, as forzas e corpos de seguridade, das alteracións da orde que se produzan nos accesos ou no interior do establecemento, sen prexuízo das actuacións que poida levar a cabo co fin de velar pola integridade física das persoas e os bens, cando a urxencia o requira.
i) En caso necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de urxencias correspondente, cando teñan que recibir asistencia médica de profesionais sanitarios.
j) Permitir e colaborar nas inspeccións ou controis regulamentarios establecidos na normativa vixente.
2. O persoal de control de acceso só poderá exercer as funcións sinaladas no número anterior, sen que, en ningún caso, poida asumir ou exercer as funcións de servizo de seguridade.
Artigo 5º.-Requisitos.
Para desempeñar as funcións de persoal de control de acceso será necesario reunir os seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter coñecementos básicos das linguas oficiais de Galicia para poder atender o público en calquera delas.
e) Ter superadas as probas específicas que convoque a Academia Galega de Seguridade Pública, consistentes na realización dun test psicolóxico e un test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade, consonte o programa que figura como anexo deste decreto.
Artigo 6º.-Habilitación do persoal de control de acceso.
1. Para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superadas as probas previstas no artigo 5º deste decreto, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.
2. A dirección xeral con competencia na materia promoverá a adopción das medidas necesarias para o fomento da participación feminina nesta actividade.
Artigo 7º.-Renovación da habilitación.
A validez da habilitación a que se refire o artigo anterior será de cinco anos desde a data da súa expedición. A súa renovación requirirá a superación de novo das probas específicas e o cumprimento dos requisitos que se establecen no artigo 5º deste decreto.
Artigo 8º.-Identificación do persoal de control de acceso.
O persoal de control de acceso levará de forma visible e permanente un distintivo, expedido pola dirección xeral competente por razón da materia, que o identifique e o acredite como tal.
Artigo 9º.-Revogación da habilitación.
A habilitación para exercer as funcións do persoal de control de acceso revogarase, logo de audiencia ao interesado, cando se deixe de cumprir algún dos requisitos fixados nas alíneas b) e c) do artigo 5º deste decreto
Disposición transitoria
Única.-Réxime transitorio.
Para exercer a actividade de control de acceso exixirase dispoñer da correspondente habilitación no prazo dun ano desde a realización das probas específicas que convoque a Academia Galega de Seguridade Pública.
Disposición derradeira
Entrada en vigor.
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil dez.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Programa
-Constitución española de 1978: dereitos e deberes fundamentais da persoa.
-Normativa do dereito de admisión.
-Normativa básica sobre follas de reclamacións.
-Nocións básicas sobre a tenza de armas nos locais de concorrencia pública.
-Normativa sobre horarios de establecementos públicos.
-Normativa sobre menores de idade e limitacións á oferta de bebidas alcohólicas e tabaco.
-Nocións básicas sobre medidas de seguridade nos establecementos de concorrencia pública: plans de seguridade, seguridade contra incendios, saídas de emerxencia e evacuación.
-Conceptos básicos de primeiros auxilios para atender situacións de asistencia sanitaria inmediata.
-Criterios de actuación en situacións de perigo para as persoas. A interactuación persoal para previr situacións de riscos específicos e os diferentes tipos de comportamentos das persoas noutras situacións previsibles
|
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.